O vindeiro mércores 13 de abril no Ágora da Coruña e o 14 de abril no Auditorio Carmen Estévez de Vilalba teremos a oportunidade de disfrutar das voces de dous cantantes fantásticos: o barítono Borja Quiza, cunha dilatada carreira internacional e recén chegado de actuar no Teatro Real de Madrid; e o seu mestre, o tenor Daniel Muñoz, que tras unha extensa carreira en teatros de todo o mundo adícase actualmente á formación de cantantes en Barcelona. Será a primeira vez que ambos artistas compartan escenario con orquestra. Con motivo deste importante encontro, Borja Quiza escríbenos estas liñas:
“Este concerto é moi especial por varias razóns. Por unha banda o programa, que inclúe fundamentalmente obras novas para min. Esta elección responde ao desenvolvemento da miña voz nos últimos anos, que aumentou en volume e intensificouse na cor e no dramatismo. Isto achégame indefectiblemente ao repertorio verdián e verista, que ocupará gran parte da miña axenda non vindeiros anos, ademais de conectar especialmente co meu lado máis emocional. Outro aliciente é poder compartir escenario coa persoa que máis ten influido na miña formación vocal e na solidez da miña técnica, Daniel Muñoz, un magnífico mestre e tenor cunha extensa carreira internacional. Sen dúbida será un fito na miña vida poder cantar con el na miña cidade, dirixidos polo meu amigo e fantástico director Fernando Briones, e acompañados pola Orquesta Gaos, formación que vin nacer, crecer e converterse nun dos proxectos orquestrais privados de maior nivel do noso país”.
¡Viva Verdi!
13 de abril (Ágora,A Coruña) – Podes adquirir as túas entradas aquí
14 de abril (Auditorio Carmen Estévez, Vilalba) – Podes adquirir as túas entradas aquí