Groove!

A Orquesta Gaos pecha a súa 17ª temporada con Groove!, un programa cheo de ritmo, cor e enerxía inspirado nas músicas do continente americano. Dende a brillante teatralidade de Bernstein ata a forza hipnótica do Danzón nº2 de Márquez, o concerto propón unha viaxe sonora vibrante e chea de contrastes.

O acordeón será o gran protagonista da noite da man de Nuno Estévez, solista do Opale Concerto de Richard Galliano, unha obra elegante e cinematográfica que fusiona linguaxes clásicas e populares cunha enorme riqueza tímbrica.

Nuno Estévez Pazó vive na compaña do acordeón desde os catro anos, idade á que comezou en Compostela da man do mestre Vazdim Yukhnevich. Actualmente, cursa estudos superiores de Acordeón en Viena, na Music and Arts University of the City of Vienna (MUK) baixo a tutela do profesor Grzegorz Stopa. Premiaron a súa interpretación en diversos concursos internacionais de acordeón, e en 2026 debutou como solista coa Orquesta Sinfónica de Galicia no Palacio da Ópera. A súa carreira musical desenvólvese en distintas formacións en Viena e en Galicia.

Completan o programa as inesquecibles danzas de Rodeo de Aaron Copland, cheas de espírito folk norteamericano, e a célebre obertura de Candide de Leonard Bernstein, unha explosión de virtuosismo e humor musical. Un concerto festivo e espectacular para celebrar o final da temporada.

  • Bernstein: Obertura de Candide
  • Galliano: Opale Concerto. Nuno Estévez, acordeón
  • Copland: Rodeo: Four Dance Episodes
  • Márquez: Danzón no. 2

Ademais, como é habitual nos concertos da Orquesta Gaos, o público contará tamén coas explicacións previas ao concerto de Andrea Vilar, que ofrecerá unha introdución próxima e didáctica ás obras do programa, achegando claves para desfrutar aínda máis da experiencia musical.

  • 26 de xuño, 21h.  Salón José Peña (Cambados)
  • 27 de xuño, 20:30h.  Teatro Rosalía De Castro (A Coruña)