I Concurso de Solistas Orquesta Gaos
Acta de selección de finalistas
1. Obxecto
Reunidos o equipo directivo e o equipo artístico da Orquesta Gaos co fin de valorar as candidaturas presentadas ao I Concurso de Solistas Orquesta Gaos, faise pública mediante a presente acta a relación de intérpretes seleccionados para a fase final, así como as consideracións que fundamentaron esta decisión.
2. Valoración xeral
Con carácter previo, o equipo de selección desexa deixar constancia do elevado nivel artístico das candidaturas recibidas nesta primeira edición, que superou amplamente as expectativas da organización. En numerosos casos as diferenzas entre as persoas aspirantes foron mínimas, o que fixo necesario realizar varias roldas de escoita e deliberación e converteu o proceso nunha tarefa especialmente complexa.
Como consecuencia, quedaron fóra da fase final intérpretes de indubidable talento. A non inclusión na presente relación non supón en ningún caso unha valoración negativa do traballo presentado, senón o resultado inevitable de ter que elixir entre un conxunto de propostas de gran calidade.
3. Criterios de valoración
A selección levouse a cabo de forma colexiada. Para iso consideráronse a calidade técnica de cada intérprete, no relativo ao dominio do instrumento ou da voz, a afinación e o control do son; a súa musicalidade, entendida como o sentido do fraseo, a expresividade e a coherencia estilística; a adecuación do repertorio proposto á categoría correspondente; e, por último, a madurez e proxección artística da persoa aspirante para desenvolverse como solista ante a orquestra e o público.
4. Fase final
A fase final terá lugar o sábado 28 de novembro de 2026, a partir das 10.00 horas, e estará precedida dun ensaio con pianista o venres 27 de novembro. Concluídas as actuacións, o xurado procederá á súa deliberación e á entrega de premios. Así mesmo, ao remate da xornada ofrecerase a todas as persoas participantes unha valoración individualizada da súa interpretación.
5. Relación de finalistas
| INTÉRPRETE | INSTRUMENTO |
|---|---|
| Categoría I | |
| Martiño González Eiras | Bombardino |
| Violeta González Tablón | Frauta |
| Categoría II | |
| Martina Rodríguez Rodríguez | Frauta |
| Elisa Cereijo Mosquera | Viola |
| Santiago Fuentes Martínez | Violín |
| Álvaro Martínez Ruiz | Frauta |
| Categoría III | |
| Daniel Sánchez Seijo | Guitarra |
| Estela Blanco Román | Frauta |
| Laura Arribas López | Trompa |
| Guillem Baviera Fusté | Violín |
| Sofía Manchado Chamizo | Violonchelo |
| Daniela Quiza Torres | Canto |
| Samuel Serra Chouza | Tuba |
| Simón Porto Covelo | Trombón |
| Miguel Varela Guzmán | Marimba |
6. Agradecemento
A Orquesta Gaos agradece a todas as persoas que presentaron a súa candidatura o esforzo, a preparación e o compromiso demostrados nesta primeira edición. O nivel acadado confirma o talento das novas xeracións de intérpretes e reforza a vontade da orquestra de darlle continuidade a esta iniciativa en futuras convocatorias.
Felicítase ás persoas finalistas e deséxaselles o maior dos éxitos na fase final.
O equipo directivo e artístico da Orquesta Gaos
Novembro de 2026
Bases do concurso
Pincha aquí para ir ao formulario
BASES DO I CONCURSO DE SOLISTAS ORQUESTA GAOS
- Obxecto
A Orquesta Gaos convoca o I Concurso de Solistas Orquesta Gaos co obxectivo de promover e apoiar a novas persoas intérpretes, ofrecéndolles a oportunidade de actuar como solistas con orquestra.
- Participantes
Poderán participar intérpretes de calquera instrumento, sen distinción de nacionalidade.
Establécense tres categorías segundo a idade das persoas participantes, tendo en conta que actuarán como solistas no ano 2027:
- Categoría I (ata 11 anos): nadas no ano 2016 ou posteriormente.
- Categoría II (ata 14 anos): nadas entre 2013 e 2015.
- Categoría III (ata 18 anos): nadas entre 2009 e 2012.
A idade máxima para participar será de 18 anos (nadas no ano 2009 ou posteriormente).
- Fases do concurso
Primeira fase – Selección por vídeo
A participación nesta fase realizarase mediante o envío dunha gravación en vídeo.
O vídeo deberá ser recente e amosar claramente á persoa intérprete.
Nesta fase, as persoas participantes poderán interpretar libremente o repertorio que desexen, incluíndo obras para instrumento solo, con piano ou con acompañamento orquestral. A obra presentada nesta fase non ten por que coincidir coa que se interpretará na fase final
Segunda fase – Fase presencial (final)
As persoas seleccionadas pasarán á fase final, que se celebrará de forma presencial.
Data: 28 de novembro de 2026.
Lugar: A Coruña.
Nesta fase, as persoas participantes deberán interpretar obrigatoriamente unha obra para instrumento solista con acompañamento de orquestra. A obra presentada deberá ser susceptible de interpretación coa Orquesta Gaos.
- Inscrición
As persoas candidatas deberán presentar:
- Formulario de inscrición debidamente cumprimentado.
- Ligazón ao vídeo da primeira fase.
- Copia do DNI ou pasaporte.
- Breve currículo artístico.
A inscrición realizarase dentro do prazo establecido con data límite o 13 de novembro de 2026.
- Xurado
O tribunal estará composto pola dirección artística da Orquestra Gaos, por dúas persoas integrantes da orquestra e por dúas persoas profesionais convidadas pola Orquestra Gaos.
As súas decisións serán inapelables.
- Premios
As persoas gañadoras de cada categoría actuarán como solistas coa Orquestra Gaos nun concerto programado para a tempada 2026/2027.
O xurado poderá outorgar mencións especiais se o considera oportuno.
- Aceptación das bases
A participación no concurso implica a aceptación íntegra destas bases.
- Organización
A organización resérvase o dereito de modificar calquera aspecto das presentes bases por causas xustificadas.