NÓS
A Orquesta Gaos naceu en abril de 2009 como un proxecto para xuntar o talento dxs mozxs músicxs dos principais conservatorios de Galicia que non tiñan fácil o acceso a unha práctica orquestral continuada. Presentouse o 14 de xullo dese mesmo ano no Teatro Colón da Coruña, baixo a dirección de Fernando Briones. Toma o nome do compositor coruñés Andrés Gaos.
O noso gran reto é dobre: seguir sendo a orquestra das persoas que aman a música clásica e, ao mesmo tempo, chegar a quen nunca a escoitou.
Non cremos que existan unha cultura alta e unha cultura baixa. Esa división non describe a música: describe quen tivo acceso a ela. Durante moito tempo dixéronlle a moita xente que isto non era para ela, que había que saber, vestirse dun xeito ou coñecer as regras para entrar nunha sala de concertos. Fuximos dese estereotipo, porque é o que máis dano lle fixo a esta música. O que pretendemos é achegar a todo o mundo unha expresión artística tradicionalmente pouco accesible.
A nosa sede principal é A Coruña, pero dende o inicio da nosa historia tocamos en salas de toda Galicia e de España. Queremos ir máis alá e ter impacto en todo o territorio.
Ao longo destes anos desenvolvemos unha intensa actividade sinfónica e lírica, cunha tempada propia na Coruña e concertos por toda Galicia. Levamos ofrecidos máis dun centenar de concertos dentro e fóra da comunidade, en salas e auditorios de toda España.
Tocamos todo tipo de música. Repertorio sinfónico e lírico, que é a nosa casa, pero tamén música contemporánea, con estreas de novxs compositorxs e colaboración coa Asociación Galega de Compositores, e concertos sinfónicos con artistas doutros xéneros. Esa mestura non é unha excepción na nosa programación: é a nosa maneira de entender o traballo, e cada un deses concertos meteu na sala xente que nunca entrara a escoitar unha orquestra.
Ademais da orquestra, a asociación conta co Coro Gaos e co CoroGaos Xove, e promove a formación de distintas agrupacións e ensembles non convencionais dentro da propia orquestra. Mantemos tamén unha liña de formación para xs nosxs integrantes e un compromiso social estable, co concerto solidario de Nadal a favor do Padre Rubinos que se celebra dende 2011.
DIRECIÓN · Fernando Briones
Formado en Dirección de Orquestra na ESMUC con Lutz Köhler e Salvador Brotons, Fernando Briones completa a súa formación con mestres como Jorma Panula e colabora como asistente de Alberto Zedda nas súas últimas producións.
É director artístico e titular da Orquesta e Coro Gaos dende a súa fundación en 2009, formación coa que desenvolve unha intensa actividade sinfónica e lírica. Colaborou con destacadxs solistas como Sondra Radvanovsky, Ainhoa Arteta, Vanessa Goikoetxea, Celso Albelo, Carlos Álvarez ou Borja Quiza, entre outrxs, e á fronte do Coro Gaos obtivo premios en certames nacionais e internacionais.
Dirixiu formacións como a Orquesta Sinfónica de Galicia, Oviedo Filarmonía, a Orquestra Filarmónica de Taipéi ou a Orquestra e Coro Filarmónico de Kosovo, consolidando unha traxectoria versátil con proxección internacional.
No ámbito escénico, dirixiu producións como La verbena de la Paloma, I Pagliacci, Cavalleria Rusticana, así como Rigoletto e Don Giovanni no Festival de Ópera de Lanzarote.
Entre os seus proxectos máis destacados atópase CHORUS, iniciativa impulsada xunto ao Concello da Coruña e á Orquesta Sinfónica de Galicia, que reúne máis de 600 nenas, nenos e mozxs e culmina nun concerto no Coliseum da Coruña ante 7.000 persoas. É tamén compositor e director do musical orixinal Lúa, cuxa estrea dirixe nunha produción de gran formato coa Orquesta Sinfónica de Galicia no foso, que acada 13 funcións e reúne máis de 12.000 escolares e 5.000 persoas en concertos en familia.
A súa actividade inclúe tamén a gravación de diversos traballos discográficos e o desenvolvemento de proxectos que integran música, educación e acción social.
Actualmente compaxina a súa actividade artística coa docencia como catedrático de Dirección de Orquestra no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

OS MÚSICOS

Músicas e músicos profesionais, ou nos seus últimos anos de estudos, que compaxinan o labor dentro da orquestra con outras facetas artísticas e docentes.
A orquestra naceu precisamente para iso: para xuntar o talento dxs mozxs músicxs dos principais conservatorios de Galicia que non tiñan fácil o acceso a unha práctica orquestral continuada. Empezamos con 90 integrantes de toda Galicia, na súa maioría estudantes e profesorxs dos conservatorios galegos, e esa mestura mantense dende entón.
Pola formación levan pasado máis de 450 músicxs de toda Galicia. Varixs dxs que empezaron aquí sendo estudantes teñen hoxe unha carreira consolidada.
DIVULGACIÓN · Andrea Vilar
Andrea Vilar López (Rábade, Lugo, 1997) é pianista e investigadora. A súa actividade artística desenvólvese en diálogo coa investigación e a divulgación, dende o interese por achegar a música clásica ao público actual e explorar as conexións entre a música, a sociedade e a cultura contemporánea.
Tras rematar os seus estudos no Conservatorio da súa cidade, recibe o Premio Extraordinario ás Ensinanzas Artísticas outorgado pola Xunta de Galicia. Posteriormente obtén o Título Superior de Música con honores na Escola Superior de Música de Catalunya (ESMUC), en Barcelona, e continúa a súa formación en Madrid con Kennedy Moretti. Entre 2021 e 2023 estuda na Academia Franz Liszt de Budapest co mestre András Kemenes.
En 2020 realiza o Máster en Investigación Musical da Universidad Internacional de Valencia, onde consolida o seu interese polo Artistic Research. O seu proxecto Música y memes (@musica_ymemes), centrado en achegar a música clásica ás xeracións novas, foi seleccionado para as IV Xornadas de Innovación en Música Clásica da Escuela de Música Reina Sofía de Madrid.
En 2021 recibe unha bolsa para participar na academia de verán do Center for Historical Keyboards da Universidade de Cornell, en Nova York, onde se forma, entre outros, co mestre Malcolm Bilson. En 2024 obtén o II Premio AESPIRE da Asociación Española de Pianistas Repertoristas, na categoría de Pianista de Instrumentos.
A súa traxectoria combina a interpretación cunha crecente dedicación ao Artistic Research e á comunicación musical. Dende esta perspectiva, entende a música clásica non só como parte do noso patrimonio, senón tamén como unha forma de pensar o presente. Nos seus proxectos busca tender pontes entre as obras do pasado e as cuestións que atravesan a nosa sociedade, propoñendo novas maneiras de escoitar e repensar a música.


OS SOLISTAS
Dende o primeiro concerto apostamos polo talento novo e galego, e ao mesmo tempo compartimos escenario con intérpretes de recoñecido prestixio. Pola Gaos pasaron Ainhoa Arteta, Pedro Guerra, Yandel, Borja Quiza, Celso Albelo, Alba López, Cristina Gallardo-Dômas, Ismael Serrano, Raphael, Abraham Cupeiro e Los Secretos, entre outrxs.
Tocaron como solistas coa orquestra Raúl Mirás, Esteban Méndez, Nuno Estévez, Emilio Alonso, David Grimal, Darío Mariño, Javier Cedrón, Jesús Porta e o Zoar Ensemble. Acompañamos tamén a Alexander Yakovlev e a Daniiel Tsvetkov, gañadores do Concurso Internacional de Piano Ciudad de Ferrol.
Esta tempada incorporamos ademais o primeiro Concurso Orquesta Gaos, para que esa porta siga aberta e sexa máis clara.
XUNTA DIRECTIVA
Raúl Andrade — Presidente
Paula Padín — Secretaria
José Ramírez Díaz-Ambrona — Tesoureiro
Ana Vergara — Vogal
Sara Fernández — Vogal