Pórtico da Illa de Monteagudo, do galardonado compositor Juan Durán, é unha obra que se estreou por encargo do Concello de Vigo en 2015 no marco do espectáculo O canto das Illas, que reclamaba a declaración das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade. A interpretación correu a cargo da OV430, Piero Lombardi na dirección e Alba Barreiro na parte solista. Esta abertura é un chamamento á conservación dos espazos naturais. Recentemente, a obra vén de ser editada por Odradek coa interpretación da Real Filharmonía de Galicia, o director Paul Daniel e Alba Barreiro novamente encargada da parte solista.

A composición da Sinfonía no. 4 en  fa menor, op. 36 de Tchaikovsky é o resultado da confluencia de eventos persoais e a conciencia subxectiva do compositor do poder do destino. A finais de 1876 cando Tchaikovsky tivo os seus primeiros contactos con Nadezhda von Meck, unha viúva rica que estaba moi namorada da súa música. Nunca se coñeceron, pero mantiñan correspondencia na que Tchaikovsky compartía os seus pensamentos creativos e persoais máis íntimos. Doutra banda, o seu desafortunado matrimonio con  Antonina Ivanovna  Milyukova, basicamente para ocultar os crecentes rumores acerca da súa homosexualidade.

A sinfonía estreouse en San Petersburgo o 22 de febreiro de 1878, en ausencia do compositor. Tchaikovsky suxire nunha carta dirixida a  Nadezha von Meck, un programa para a sinfonía. O tema principal é o tema do destino que se presenta ao principio como unha espada de Damocles. O primeiro tema reflicte o abatemento provocado pola tiranía do destino. O segundo tema coa súa melodía no clarinete é un soño que nos permite fuxir da realidade. O segundo movemento suxire a melancolía que aparece ao lembrar as alegrías dos tempos pasados. Un sentimento de amarga dozura como a melodía do oboe do primeiro tema. “É triste, pero doce á vez sumirse no pasado”. O scherzo suxire imaxes do pasado  bullicioso, con campesiños bebendo e cancións rueiras. “Imaxes intanxibles, como as que nos veñen á mente cando bebemos veu… a imaxe de campesiños ebrios, unha canción rueira…, de lonxe, en algures, desfila unha parada militar”. O último movemento suxírenos unha saída da depresión, mediante a compañía da xente e a súa alegría. Volve lembrar ao destino, a fatalidade, como unha realidade subxectiva. A melancolía pode desaparecer coa contaxiosa alegría dos compañeiros. “Se non atopas motivos de alegría en ti mesmo, mira aos demais. Camiña entre a xente… Non digas que todo é triste. Existe unha alegría simple pero profunda… A vida aínda merece ser vivida”.

 

 

 

 

 

 

 

 

Fotografía: Eduardo Irago